Petróglifos de Coto do Corno 1

Petróglifos de Coto do Corno 1

Descrición

Conxunto conformado por dúas rochas gravadas que non ten nada que ver co catalogado por F. López Cuevillas no seu traballo “As insculturas do Coto do Corno (Nós, nº 64 /15-01-29/ pp. 60-63).

– PEDRA 1: Situada a 21 m. ao NE da P1 do GA3545028 (Coutada do Corno II), está a ras de chan. A pesar de que o estado de conservación dos gravados é bastante bo, hai zonas con un proceso de deterioro por erosión evidente (moitos musgos e liques). Esta pedra correspóndese co denominado grupo VII de Monte Penide de Costas Goberna-1985 (ver bibliografía). Os motivos (polo menos sete) ocupan case a totalidade da pedra. Destaca entre todos a presenza dunha gran combinación circular composta de 6-7 círculos concéntricos incompletos (uns 70 cm. de diámetro) con cazoleta central e coviñas; este motivo únese a outras figuras circulares simples con coviñas por medio de linas rectas e curvas. Finalmente salientar a presenza de polo menos outros dous motivos circulares simples (aprox. de 25 e 50 cm. de diámetro) con cazoletas no seu interior, tres cazoletas máis de maior tamaño e un círculo incompleto (duns 20 cm. de diámetro) cuxos extremos rematan en dúas pequenas coviñas.

– PEDRA 2: É unha pedra de granito, de 5.60 por 2.50 m., de forma pseudotriangular, e situada a 2 m. ao E da P1. Está moi cuberta de musgo e vexetación (toxo) e segue a inclinación natural do terreo (cara ao N). Conta con dous conxuntos de motivos: – Conxunto nº 1: formado por unha serie de gravados difíciles de identificar (un cérvido); a superficie gravada é de 40 (N-S) por 25 cm. (E-W). – Conxunto nº 2: con dúas cazoletas rectangulares (unha delas cunha pequena coviña circular no centro) de aprox. 20 por 15 cm. e 18 por 11 cm., que contan cuns rebaixes laterais semicirculares que están case desaparecidos. Este conxunto é o denominado grupo VI de Monte Penide de Costas Goberna-1985 (ver bibliografía).