FENÓMENO TUMULAR

CRONOLOXÍA E EXTENSIÓN

Dende o neolítico esténdese por toda a fachada atlántica europea a tradición de soterrar as persoas defuntas en mausoleos baixo un túmulo de terra.

Esta tradición arraigou moito en Galicia e perdurou durante un período de tempo moi longo, dende o neolítico (4.000 a.C.) ata xa entrada a Idade do Bronce (1.500 a.C.). Durante este longo espazo temporal, como é lóxico, as tradicións construtivas mudaron, seguramente debido a cambios nas mentalidades e a propia evolución relixiosa das sociedades que crearon os monumentos.

Modelo de túmulo

Anteriormente asociouse esta tradición de soterramento cos grandes mausoleos de pedra, coñecidos como cultura megalítica, pero na actualidade ao analizarse as diferentes necrópoles apreciouse que o máis común destas tumbas, que se repite constantemente ao longo do noso territorio, é a masa de terra que as cobre, coñecida como túmulo, a maiores da existencia de cámara funeraria construída con, ou sen, grandes pedras (que en moitos casos desapareceron por traballos de cantería ao longo de tan dilatado espazo de tempo), polo que a investigación actual prefire referirse á cultura que as creou como Cultura dos Túmulos ou Fenómeno Tumular.

Na zona atlántica atópanse dous dos exemplos máis relevantes deste fenómeno cultural, a rexión da Bretaña francesa (con máis de 200 monumentos megalíticos e exemplos tan relevantes como Barnenez, Table dus Marchands, ou Gabriní), co seu ramal irlandés e británico; e cara ao sur en Portugal, con bos exemplos deste tipo de enterramentos ao longo de toda a súa xeografía, tanto na Beira, Tras os Montes e Serra da Estrela (Carapito, Orca de Fiais…), como máis ao sur, en e zona de Évora (Almendres…). Semella que os ecos destas dúas rexións puidesen chegar ata Galicia, zona intermedia, reflectíndoo nun amplo abano de manifestacións funerarias que teñen o seu exemplo megalítico máis arraigado na Costa da Morte, sobre todo no Concello de Vimianzo, onde se atopan a maior cantidade de sepulcros con cámara funeraria monumental (Forno dos Mouros, Casota de Berdoias, Arca da Pioxa…).

Como diciamos, predominaron polo occidente europeo entre o V e o III milenio a.C., e aínda que os exemplares galegos non teñen o gran tamaño dos andaluces, portugueses ou bretóns, supoñen o noso exemplo máis antigo de arquitectura monumental.

Túmulo de Bougon, Poitou-Charentes, Francia
A CULTURA

Avanzado o período neolítico está xa plenamente implantada a domesticación do gando e os vexetais. Para este período da prehistoria está demostrado nas escavacións portuguesas, meseteñas e galegas o cultivo de cereais de orixe mediterránea: trigo (triticum, hordeum), verza (col-brassica), faba, chícharos, lentellas…

Ademais do pastoreo de vacún (bos taurus), sobre todo, utilizando este gando como animal de tiro e para aproveitamento leiteiro (aparecen queixeiras nas escavacións) tamén se atoparon restos de ovellas, cabras e porcos.

A dieta estaría ademais complementada pola recolección de vexetais silvestres: landras, abelás… e en menor medida pola caza. Non se descarta o aproveitamento asemade dos recursos costeiros.

Modelo de túmulo

Coa evolución da agricultura vanse recoñecendo os astros e a influencia destes sobre as colleitas, e en derivación sobre a vida das persoas. Dende antigo a relixión dos mortos (reflectida nos túmulos) xa valoraba a saída e a posta do sol e o recoñecemento dos solsticios, as cámaras das tumbas teñen case todas unha orientación cara ao leste e sueste, á saída do sol, con toda a súa carga simbólica en relación coa iluminación das cámaras funerarias e o “novo nacemento”.

Teñen tamén desenvolvida a tecnoloxía da vestimenta, a dicir pola aparición de pesas de tear vestirían con liño e la.

A aparición de cerámicas foráneas (campaniforme, cerámica penha, xa en momentos do Calcolítico, en torno a 2.500 a.C.) amosan a posibilidade de relacións comerciais con outras zonas da península, comercio que incluiría seguramente, entre os produtos as teas e o armamento en forma de puntas de frecha…

Vistas dende o Coto da Arca
A SOCIEDADE

É unha sociedade xa evolucionada, con compartimentación social asociada co traballo e a ideoloxía, polo que se pode tirar da factura e dos obxectos atopados nos monumentos, onde as diferentes estruturas arquitectónicas e enxovais achados reflicten relacións laborais e tecnolóxicas diferenciadas (cantería, olaría, elaboración de instrumentos e talla de pedra, xamanismo…).

Do traballo de construción dun túmulo transcende a forte organización social que é precisa, non só para desenvolver unha relixión fundamentada na morte e tan arraigada durante máis de dous mil anos de duración, senón para a propio deseño das tumbas. É de imaxinar, segundo isto, que os cerimoniais de soterramento serían tamén unha actividade colectiva.

Agruparíanse en tribos e grupos, máis ou menos numerosos, a dicir pola cantidade e variedade de necrópoles e tumbas atopadas (nuns casos illadas e noutros, como no caso de Chan da Cruz, cun número considerable).

OS POBOADOS

Habitan en poboados con construcións perecedoiras, cabanas elaboradas con madeira, palla e barro, propios dunha cultura nómade ou itinerante; estes materiais ocasionan que os restos das vivendas estean mal conservados actualmente e que os xacementos de hábitats sexan tan mal coñecidos e invisibles na paisaxe. A implantación do sedentarismo acadarase gradualmente coa melloría dos sistemas de cultivo e sobre todo no rozado das terras.

No caso que nos ocupa, os poboados estarían nas inmediacións ou achegados aos lugares de enterramento, na busca sobre todo zonas de cultivo e fontes de auga (o topónimo de Poza da Lagoa é moi ilustrativo deste caso).

IDEOLOXÍA E RELIXIÓN
Os enterramentos

O “culto” á morte e os rituais funerarios son tan antigos coma os seres humanos, documentados dende o Paleolítico Superior en torno a 30.000 anos a.C.

Para a cultura que construíu os túmulos, testemúñase unha relixión tamén desenvolvida, que os leva a un culto asociado coa morte e a transcendencia desta cara ao alén.

Cabe pensar (polo menos para o caso dos grandes monumentos, tipo Mámoa do Rei da necrópole de Chan da Cruz) que moitas das mámoas fosen mausoleos abertos para o soterramento das persoas defuntas da colectividade.

Os enxovais

As persoas soterradas ían acompañadas dun rico enxoval, composto dos obxectos que precisaría o defunto ou a defunta na outra vida: Machados pulimentados, de todo tipo, Azolas, Gubias, Cerámica como Cuncas, Olas…, Xoiaría, Colares, Pulseiras, Ferramentas, á parte das machadas, Fouces, Puñais de pedra, Arcos e frechas.

Coñécese o final da cerimonia, o resultado, polas intervencións arqueolóxicas, pero non se pode saber como era exactamente. Podemos especular por comparativas antropolóxicas coas sociedades primitivas actuais, e con outros rituais socialmente arraigados entre todas as sociedades do mundo.

Enxoval funerario atopado nun enterramento
As construcións

As construcións funerarias consisten basicamente nun montículo con forma hemisférica de terra coidadosamente seleccionada e cribada, o túmulo ou mámoa, que adoita ter no seu interior unha estrutura feita con grandes pedras, ortóstatos, máis ou menos complexa: a cámara funeraria. No exterior, o túmulo, tamén pode contar cun anel de pedra ao seu arredor e estar recuberto por unha coiraza de pedras.

Tratábanse case sempre de sepulturas colectivas, pertencentes a un grupo ou familia, normalmente erixidas nas zonas de tránsito dos montes, polo que é frecuente atopalas asociadas a sendeiros e camiños tradicionais.

O CASO DE MONTE PENIDE E REDONDELA

En Monte Penide/Monte Mirallo podemos atopar máis de 40 mámoas de diferente índole e tamaño, cunha concentración destacada na Necrópole de Chan da Cruz, coñecida tamén por Chan das Formigas, con 36 xacementos, pero dende aquí cara ao norte e sur sucédense as mámoas por todo o noso monte, nun goteo continuo que as comunica coa necrópole de Candeán no Monte Vixiador de Vigo.

En Redondela atopámonos este fenómeno cultural noutras parroquias da súa xeografía, é de destacar polas súas dimensións a Mámoa de Guizán na parroquia de Vilar, no límite co Concello de Mos.