CULTURA CASTREXA

CRONOLOXÍA E EXTENSIÓN

Coa invención da fundición do ferro (implantada a partir dos séculos IX e VIII a.C. na Galicia) as tendencias que xa se albiscaban durante a Idade do Bronce acentúanse; os poboados fortifícanse e implántase plenamente unha sociedade de guerreiros (como queda reflectido nas esculturas da época).

Pasado o tempo dos gravados de petróglifos, semella que poida haber una relativa paz social durante a Idade do Bronce Pleno e Final; a desaparición de representacións de armas durante estes períodos pode apuntar neste sentido, segundo a investigación arqueolóxica.

O feito de que durante a Idade do Ferro, por toda Galicia, o norte de Portugal ata o Douro e parte dos territorios do Oeste de Asturias, se retorne aos poboados fortificados indicaría, para esta zona concreta, un crecemento demográfico e novas tensións sobre a propiedade, sobre a implantación no territorio, ou mesmo sobre os intereses particulares de cada grupo de pertenza.

Guerreiros castrexos no Museo Arqueolóxico
de Guimaraes, Portugal

OS POBOADOS

A coñecida como Cultura Castrexa do Noroeste, caracterízase sobre todo polo seu sistema de poboados coñecidos como ”castros”. Situados na meirande parte das veces en cotos de boa defensa e control visual sobre o seu territorio inmediato. Esta fácil defensa acrecéntase mediante a construción de sistemas complexos de protección, en forma de murallas e foxos, nalgúns casos verdadeiras obras de enxeñaría militar.

Nos poboados atopamos as vivendas, circulares ou cadradas, de pedra e tellados de colmo (palla dos cereais) e barro, e máis adiante “tégula” durante a romanización. Cunha organización urbanística, que pode resultar primitiva ou caótica, repartida en barrios, ás veces, ou unidades familiares.

Os castros adoitan ter zonas diferenciadas segundo a súa magnitude, con nomes tales como: croa, antecastro, portas, defensas…

Imaxe de vivenda no castro de Briteiros, Portugal

A SOCIEDADE

Tiñan unha economía agraria, baseada no cultivo de cereais e na gandaría, aínda que seguiría a ser importante na dieta alimenticia a recolleita de froitas e vexetais silvestres e, como non, de peixe, moluscos e mariscos das nosas costas.

Coñecían xa a fundición do ferro e deixaron unha rica mostra de ourivaría.

Coa chegada dos romanos non decae a cultura senón todo o contrario, chega ao seu maior grao de esplendor, crecendo os castros ata convertérense case en cidades.

Pola arte deixada, moi ben representada no norte de Portugal e zona de Ourense, podemos albiscar que se trata dunha sociedade de guerreiros, que é como gustan de representar os homes, armados con espada e escudo, vestindo unha saia curta e con camisolas bordadas con reticulados e zigzags máis ou menos complexos.

Outro dos motivos artísticos que nos deixaron foron as coñecidas como “pedras fermosas”, ou “formosas”, fachadas monolíticas de edificacións termais, ás que se lles atribúe un uso relixioso, máis ou menos ateigadas de relevos en forma de cordóns, liñas, grecas… e complexos labirintos que caracterizan esta cultura do ferro.

OS ENTERRAMENTOS

Segue a ser un misterio o sistema que utilizaron as xentes castrexas para soterrar as súas persoas defuntas, o feito de que non aparezan inhumacións fai pensar en rituais de cremación ou afundimento en ríos ou no mar. A aparición de depósitos de armas nos ríos galegos xa dende a Idade do Bronce pode apuntar neste este sentido.

O CASO DE MONTE PENIDE E REDONDELA

Semella que dous castros inventariados para o Concello de Redondela (Castro de Negros e a Peneda, este último no límite con Soutomaior) sexa unha cantidade moi pequena se a comparamos cos vinte e sete documentados no concello veciño de Vigo. Redondela conta con topónimos indubidables de adscrición castrexa como nas inmediación de Penide: Cidadelle ou Castro Ferreiro… Poida que en prospección futuras se resolva esta “carencia” de xacementos desta época tan comúns noutras áreas da nosa xeografía inmediata.

Pedra “Formosa” do Castro de Briteiros, Portugal