ARTE RUPESTRE

CRONOLOXÍA E EXTENSIÓN

Durante os anos centrais do III milenio a.C., os grupos de persoas que habitan Monte Penide/Monte Mirallo reciben novas invencións en forma de ferramentas metálicas (entre outras) o que deriva no establecemento de novas modas e novas relacións sociais. O máis coñecido e representativo destes trocos son os petróglifos, as representacións artísticas gravadas nos penedos.

Comunmente atribúeselles unha cronoloxía entre 2.500-1.700 anos a.C., correspondentes aos períodos culturais Calcolítico e Bronce Inicial, sobre todo por algunhas representacións de armas que teñen aparecido, aínda que a maior parte das veces se trata dunha arte esquemática sen paralelos en obxectos reais recoñecibles.

Gravados rupestres semellantes están estendidos por toda Europa, atopando concentracións senlleiras en Escandinavia (Alta, Noruega; Tanum, Suecia); Val Camonica, Italia; Kerb, Irlanda; ou mesmo lugares tan remotos como Australia, Sudamérica ou África. Parece que nun estadio social semellante as persoas representamos o mesmo tipo de símbolos e gravados. O grupo galaico de arte rupestre, como se lle coñece entre a investigación arqueolóxica, estaría relacionado coa rexión atlántica e o arraigado atlantismo das culturas do Neolítico e dos inicios da Idade do Bronce.

No que atinxe a volume e número de representacións, un dos máis importantes xacementos atopámolo no municipio pontevedrés de Campo Lameiro, onde se sitúa o PAAR, o Parque da Arte Rupestre de Galicia, cun ambicioso equipamento cultural creado ao abeiro da Rede Galega de Patrimonio Arqueolóxico.

A CULTURA

A implantación da metalurxia é moi gradual e froito dun proceso lento de invencións e intercambios comerciais. O primeiro metal que aparece no rexistro arqueolóxico é o cobre, nun primeiro intre procesado mediante golpes (como a pedra) e logo fundido. Máis adiante prodúcese un troco cuantitativo coa invención do bronce, froito da aliaxe entre o estaño e o cobre.

Tradicionalmente, a arqueoloxía considerou que coa chegada do metal se implantaron tamén o individualismo e as xefaturas nas sociedades; é lóxico pensar que as persoas e colectivos posuidores das ferramentas e as armas metálicas se tentasen encumiar sobre os demais colectivos achegados carentes desta tecnoloxía. A investigación arqueolóxica fala da implantación dunha casta de guerreiros.

En paralelo a todo isto, estas novas invencións producirían tamén melloras na produción agrícola e nos sistemas de vida das persoas da época, ocasionando un crecemento demográfico, que ten como consecuencia a necesidade de roturación de máis extensións de terreo e a súa vez a competencia entre grupos veciños.

Nesta conxuntura xorden os petróglifos, coma unha forma de apropiación do territorio entre as tribos e colectivos que os habitan, a maiores de toda a simboloxía que posúen para as persoas creadoras destas manifestacións arqueolóxicas.

Imaxe de cervo de Campo Lameiro

OS POBOADOS

As persoas e sociedades que os crearon, nestes primeiros tempos da metalurxia, non trocaron moito o seu sistema de construción con respecto ás comunidades neolíticas anteriores, poboados con casas de materiais perecedoiros froito dunha economía de produción agrícola que esgota os terreos con facilidade (cada vez de forma máis lenta) e que se ve obrigada ao traslado cara a outros novos territorios.

Van implantándose gradualmente os sistemas defensivos, caso moi patente nas culturas do sur da Península Ibérica, tanto no territorio portugués como no español. Semella que esta forma de nomadismo vaia desaparecendo gradualmente implantándose o poboamento estable, anticipando o que sucederá durante a plenitude do Bronce e na Idade do Ferro.

OS ENTERRAMENTOS

A implantación dunha casta de guerreiros, orixinada pola metalurxia do bronce, derivará na desaparición das tumbas colectivas en toda Europa, continuarase nun principio co mesmo sistema de soterramento baixo túmulo, pero agora con tumbas máis pequenas e pechadas para albergar unha soa persoa. É o que se coñece en Europa como as tumbas principescas.

Este proceso gradual acentuarase ao longo do tempo. No caso de Galicia e Monte Penide, poderían corresponderse con esta época as tumbas máis pequenas carentes de cámara, con cistas ou con cámaras pequenas.

IDEOLOXÍA E RELIXIÓN

En paralelo trocan as ideoloxías e a relixión; coa evolución da agricultura vanse recoñecendo os astros e a influencia destes sobre as colleitas, e en derivación sobre a vida das persoas. Dende antigo a relixión dos mortos (reflectida nos túmulos) xa valoraba a saída e a posta do sol e o recoñecemento dos solsticios, as cámaras das tumbas teñen case todas unha orientación cara ao leste e sueste, á saída do sol, con toda a súa carga simbólica en relación coa iluminación das cámaras funerarias e o “novo nacemento”. Este “xamanismo” implantado dende o neolítico evoluciona cara a novas representacións, neste caso artísticas; temos que lembrar que durante o megalitismo se producen xa as primeiras manifestacións neste sentido nas propias pedras que albergan as cámaras funerarias.

 

As representacións

 

As creacións artísticas son moi variadas, o grupo maior é o representado polos símbolos abstractos, en forma de círculos concéntricos (coñecidos comunmente como combinacións circulares), liñas, puntos (chamados cazoletas ou coviñas)… Tamén atopamos labirintos e espirais, aínda que estas representacións, pese ao que poida parecer, non son tan comúns.

Existen tamén zoomorfos, antropomorfos, retículas, cruces, etc.

Hai un caso singular que son as representacións de armas, como o caso de Poza da Lagoa en Monte Penide, non son moi comúns pero o seu “realismo” axudou para a identificación da cronoloxía dos gravados, xa que os exemplos representados se podían comparar cos atopados durante as intervencións arqueolóxicas.

No caso das Rías Baixas aparece outra representación enigmática e singular, son os muíños naviculares (ou elementos de moenda). Este tipo de muíños representan unha manifestación moi especial dentro da arte rupestre galega. Sospéitase, polas análises realizadas, o seu uso en prácticas rituais nas que se realizarían pequenas moendas, coa fin de obter pinturas, beberaxes… En Monte Penide podemos atopar 4 exemplos destes gravados.

Muíño navicular en Coto do Corno
Emprazamentos

Unha das características que máis chama a atención sobre a investigación é o seu emprazamento: se están representados en rochas verticais, horizontais, a rente do chan, etc, influíndo sobre a súa visibilidade e localización.

Para o caso de Monte Penide semella que a situación está relacionada con lugares de moi boa visibilidade e control sobre o seu espazo inmediato, xunto a camiños e lugares de paso e orientados cara á vista panorámica do seu contorno.

O CASO DE MONTE PENIDE E REDONDELA

Contamos cun importante conxunto de petróglifos en Monte Penide/Monte Mirallo, pero as representacións están repartidas por outras parroquias do Concello. Temos petróglifos no Viso, a Pedra das Rodiñas ou Fonte do Allo; queremos destacar os gravados de Ventosela, de cabalos de carácter esquemático e aspecto “naif” acompañando a círculos e puntos de carácter máis abstracto; ou o gran conxunto de arte rupestre de Amoedo, en Pazos de Borbén no límite con Redondela, con combinacións circulares, e outros elementos de abstracción.