Petróglifos de Coto do Corno 2
Petróglifos de Coto do Corno 2
Descrición
Conxunto conformado por tres rochas gravadas que non ten nada que ver co catalogado por F. López Cuevillas no seu traballo “As insculturas do Coto do Corno (Nós, nº 64 /15-01-29/ pp. 60-63).
– PEDRA 1: Pedra que sobresae do terreo uns 50 cm., cuberta de liques, musgo e rodeada de vexetación baixa (toxo, silva). Situada a uns 5 m. ao NW dunha torre de alta tensión. Correspóndese co denominado grupo I de Monte Penide de Costas Goberna-1985 (ver bibliografía). Consta de dous motivos: – Motivo nº1: Combinación de dous círculos concéntricos completos e un incompleto (29 cm. de diámetro máximo); cun apéndice lonxitudinal duns 10 cm. no exterior e nove cazoletas no interior. O estado de conservación é regular. – Motivo nº 2: situado uns 34 cm. ao NW do nº 1; grupo de sete cazoletas que forman unha especie de círculo duns 15 cm. de diámetro máximo. Uns 60 cm. ao NW hai un rebaixe circular duns 13 cm. de diámetro.
– PEDRA 2: Situada a 1.50 m. ao N de P1, é unha pena de granito que sobresae uns 80 cm. do chan e está partida como resultado de labores de cantería. Está cuberta de liques e musgos e rodeada de vexetación baixa (toxo, silva) e pequenos piñeiros. Esta pedra semella corresponder ao grupo II de Monte Penide de Costas Goberna-1985 (ver bibliografía). Ten un único motivo incompleto (recordar que a rocha está fracturada) que semella ser unha figura pseudocircular (duns 34 cm. de diámetro) chea de pequenas coviñas e da que parece saír un pequeno apéndice que se bifurca. Ao carón N semella haber outro pequeno pseudocírculo tamén cheo de cazoletas.
– Pedra3: situada ao carón N da P2, é un bloque exento de granito (0-80 m. sobre o nivel do chan) que está moi rodeada de vexetación. Esta pedra podería ser o grupo III de Monte Penide de Costas Goberna-1985 (ver bibliografía). Ten un único motivo que ocupa toda a pedra: un círculo de aprox. 45 cm.de diámetro (xa que está rota), con multitude de coviñas no seu interior (en torno a 50). A bibliografía cita na área inmediata ás descritas dúas pedras máis (grupos IV e V de M. Penide de Costas Goberna-1985) con motivos circulares e coviñas que non foron localizadas (a zona está moi alterada pola instalación das torres eléctricas).





